Artículo incluido en web Red de Mentoring de BIC GALICIA.
O proceso de incorporación dun novo empregado sempre supón unha situación crítica para a empresa e para o propio empregado. Novas normas, feelings e fobias, medos, ritmos de traballo, a cultura do negocio e outros aspectos fan que se trate dunha etapa difícil e relevante, segundo a posición que se ocupe. Se quen entra na empresa pertence ademais á familia empresaria, o reto é aínda maior para todos: sexa cal for o seu posto, ten relevancia na contorna empresarial, pero sobre todo no da familia propietaria. Trátase dun proceso que require ser afrontado cunha adecuada planificación e un apoio obxectivo.
A mentorización ou tutorización permite ofrecer este apoio en varias vertentes. Por unha banda, facilita o labor de planificación e enlace coa dirección do negocio, normalmente tamén pertencente á familia empresaria; por outra banda, prepara o acollemento de acordo cos obxectivos, funcións e retos da nova incorporación, participando activamente no seu deseño; para rematar, fornece ao recén chegado das ferramentas necesarias para a súa adaptación e para a súa necesaria maduración profesional, coidando expectativas e capacitándoo en áreas técnicas e, especialmente, actitudinais: protéxelle do medo, estrutura o seu labor e permítelle aprender como gañarse o respecto profesional do persoal e, sobre todo, da familia empresaria.
A nosa mentorización esixe unha maior dedicación se o novo membro do equipo asume labores directivos, especialmente se ten “mando en praza”. De ser así, as súas accións e decisións afectan a outras persoas e poden derivar, de forma destacada nas etapas iniciais, na xestación de conflitos que debiliten ao novo xefe ou xefa fronte á organización, ata o punto de que a situación requira a mediación da dirección. Este tipo de situacións pode ocasionar o desgaste do crédito profesional fronte á organización e as relacións e xerar dúbidas sobre os criterios empresariais empregados para a incorporación en postos directivos de membros da familia. O obxectivo é que o novo directivo sexa merecedor do seu posto pola súa capacitación, non só polo seu apelido. Este punto é crítico para a persoa e para a empresa.
Por iso, definiremos un plan de desenvolvemento persoal de mellora que incluirá o acompañamento no seu día a día. Como mentores, deberemos avaliar a madureza profesional na súa vertente de dirección e atender ao seu desempeño das habilidades directivas como a comunicación e a motivación, tanto propia como do seu equipo.
En definitiva, a mentorización debe permitir que os obstáculos sexan chanzos sobre os que ascenda o novo directivo, para que chegue a converterse nun novo alicerce no que se sustente a dirección familiar.
Artigo escrito por Rafael Martínez-Carrasco Samartín, Socio Xerente de Arxón Estrategia