NOVA LEI DE AUTÓNOMOS
- Posted by Marketing
- Posted in Fiscalidade
O pasado 25 de outubro publicouse no BOE a esperada Lei 6/2017, do 24 de outubro, de Reformas Urxentes do Traballo Autónomo, coñecida popularmente como a Lei de Autónomos.
Aínda que finalmente as medidas non alcanzan a profundidade esixida inicialmente polo sector, non cabe dúbida de que supón un avance, que favorecerá o traballo autónomo e axudará ao pequeno e mediano empresario.
A maioría das reformas son de índole laboral, pero hai tamén algunhas medidas no ámbito fiscal.
En concreto, no ámbito tributario, as medidas aprobadas pola lei de autónomos recóllense no seu art. 11 e son as seguintes:
Gastos de subministracións
No caso de que o traballador autónomo empregue a súa vivenda habitual no desenvolvemento da actividade, poderá deducir os gastos de subministración da vivenda, tales como auga, gas, electricidade, telefonía e internet, na porcentaxe resultante de aplicar o 30% á proporción existente entre os metros cadrados da vivenda destinados á actividade respecto da súa superficie total, salvo que se probe unha porcentaxe superior ou inferior.
Prima de seguros por enfermidade
O traballador autónomo poderá deducirse as primas de seguro de enfermidade satisfeitas polo contribuínte na parte correspondente á súa propia cobertura e á do seu cónxuxe e fillos menores de vinte cinco anos que convivan con el. O límite máximo de dedución será de 500 euros por cada unha das persoas sinaladas anteriormente ou de 1.500 euros por cada unha delas con discapacidade.
Gastos de manutención
Os gastos de manutención do traballador autónomo, nos que se incorra como consecuencia do desenvolvemento da actividade económica, sempre que se produzan en establecementos de restauración e hostalería e se abonen utilizando calquera medio electrónico de pago, poderán ser deducibles cos límites cuantitativos establecidos regulamentariamente para as dietas e asignacións para gastos normais de manutención dos traballadores: 26,67 euros se o gasto se produce en España e 48,08 euros se se produce no estranxeiro.
Con todo, estas medida entrarán en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2018.